Espido
Guadi Galego e Guillerme Fernández
Folk - Voz e guitarra


A BELEZA DO SINXELO 

No 2005 nace o proxecto ESPIDO, unha caste de fusión por roce melódico-armónico de dous músicos, Guadi Galego (compoñente do grupo Berrogüetto ate o ano 2007) e Guillerme Fernández (integrante desta banda na actualidade). Unha mestura de creatividade que da lugar a un traballo, como o seu nome suxire, que se ispe de abalorios: tan só unha guitarra, a de Guillerme Fernández, unha voz, a de Guadi Galego e algunha que outra programación dan forma a dez temas de composición propia, e a dúas adaptacións tradicionais. 

As traxectorias destes dous músicos, ben coñecidas dentro, e tamén fóra do ámbito da música popular galega, confluiron hai xa uns anos no grupo Berrogüetto. Foron con él partícipes da edición dos discos “Viaxe por Urticaria” (1999), “Hepta” (2001) e “10.0” (2006), todos eles calurosamente recibidos pola crítica e obxecto de varios premios e recoñecementos (entre eles o de Mellor Grupo Folk Europeo de 2000 e unha nominación aos Grammy Latinos na súa edición de 2002). E tamén de numerosas xiras por Galiza, Portugal, España, Austria, Arxentina, Dinamarca, Italia, Reino Unido... Sobranceiros resultados teñen obtido tamén ámbolos dous músicos nas súas xeiras en solitario. Guadi ten colaborado como compositora e intérprete en diferentes discos de artistas tan recoñecidos no panorama galego coma Uxía, Susana Seivane, Anubía ou Lamatumbá. 

Guillerme, pola súa banda, participou en traballos discográficos de Os Cempés, Leilía, Xosé Manuel Budiño e Anubía, é o 50% do proxecto de Xabier Díaz, ademáis de ser responsable da banda sonora de diversas curtametraxes, da dirección musical do espectáculo “Ao pé da letra”, e de formar parte da banda que acompañou ao mítico grupo Fuxan os ventos na súa volta aos escenarios en outubro de 2008. 

Os dous estiveron presentes, ademáis, no Celtic Connections Festival de Glasgow (2004 e 2007), e no Festival Intercéltico de Lorient (2009), onde compartiron palco coas máis importantes figuras da música de raíz europea. Con este ESPIDO, Guadi Galego e Guillerme Fernández véñense consolidar coma nomes destacados e de prestixio no panorama da chamada World Music, desta vez cunha proposta chea de sinceridade, sinxeleza e coa única complexidade do corazón e da esencia da música feita dende Galiza e en galego.